viernes, 14 de noviembre de 2008

MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO

O pasado 17 de agosto, Día de Galicia Mártir, nun lugar próximo á Coviña, (O Freixo), no que fora asesinado o deputado republicano Luis Barrena, foi inaugurado o monumento, un monolito de pedra de máis de dous metros de alto, que a Asociación Terra de Outes ergueu naquel punto en recordo ás víctimas do franquismo de Muros e Outes, en particular aos sindicalistas outenses Cipriano del Río e Maximino Martínez, fusilados en Boisaca e na Fonsagrada, respectivamente, por defender a legalidade republicana que naquel momento representaba o seu ideal de liberdade e igualdade.
O acto, ao que acudiron máis de sesenta persoas, entre as que se encontraban varios descendentes das vítimas de ambos concellos, comenzou cunha actuación musical a cargo de Patxi García, que interpretou o emotivo tema Silencio coa súa trompeta, ao que seguiu a intervención o presidente desta asociación Xoán X. Mariño que se dirixiu aos asistentes e para recordar o sacrificio de todos aqueles homes e mulleres que sufriron na súa carne a violencia asañada de monárquicos autoritarios, fascistas e militares retrógrados que non estaban dispostos a permitir a construcción dun Estado democrático, de plenas libertades, de autonomías e moito menos igualitario.
Seguidamente descubríuse unha placa fixada ao monolito que leva os nomes de seis das persoas de Muros e Outes, represaliadas, asesinadas ou executadas tras suizos sumarísimos, ao pé da cal se realizou a continuación unha ofrenda floral e pechouse o acto co anuncio por parte do representante da nosa Asociación de construir en torno á pedra un xardín que dea máis fermosura a este monumento á dignidade.

II MUIÑADA


Coa denominación de Muiñada, a Asociación Terra de Outes iniciou o pasado ano unhas xornadas de exaltación do patrimonio cultural galego que adicou precisamente aos muíños.
Continuando con esta iniciativa, durante a segunda quincena do mes de outubro do presente ano, no marco da II Muiñada, a nosa Asociación, en colaboración co concello de Outes e a Deputación de A Coruña, instalou na Casa da Cultura da Serra unha exposición sobre o traxe tradicional galego, elaborada primorosamente pola Agrupación folclórica Ximiela, de Louro, mostra que o día 19 de outubro inaugurou o Presidente da Deputación Salvador Fernández Moreda e se puido admirar ata o día 31. O segundo acto destas xornadas foi a presentación do libro A indumentaria tradicional galega, na que interviron o investigador Clodio González, autor do mesmo e Suso Xogaina, artífice das fotografías que ilustran o mesmo. Pechan esta nova Muiñada, o día 15 de novembro, un campionato de trompo e a celebración dun magosto popular no Parque da Feira amenizado pola charanga Os Tabernícolas do Leiradal, de Muros, a cuxo remate, na Casa da Cultura, será presentado o número 4 da nosa revista, coincidindo co primeiro aniversario da súa existencia.

XORNADAS EN MEMORIA DE FRANCISCO AÑÓN

Con ocasión do 130 aniversario da morte do noso máis insigne poeta, a A.C.C. Terra de Outes organizou unha serie de actos de homenaxe que comezaron o día 14 de abril, na Casa da Cultura da Serra, coa inauguración de dúas exposicións: unha composta por unha serie de paneis nos que se recordaba a súa vida e obra, e outra de debuxos e pinturas realizados por escolares do concello participantes nun certame de ilustracións dedicadas ao poeta, convocado pola nosa asociación. Esta primeira xornada rematou cunha charla sobre “Outes na época de Añón”, que impartiu o profesor Xoán X. Mariño.
Na segunda xornada, martes, 15 de abril, disertouse sobre “O humor na poesía de Añón” e “Añón e a masonería europea”. O mércores 16 fixéronse senllas achegas aos seus escritos: “As diferentes edicións da obra de Añón” e “A poesía de Añón: estudo crítico”. “Galicia na época de Añón” e “Valor e valores de Añón e a súa obra” foron as conferencias pronunciadas na xornada do 17 de abril. Despois da presentación do nº 2 da nosa revista, así como do suplemento que inclúe dedicado a Añón, o venres 18 completouse o ciclo de ponencias coa titulada “Añón na orixe do Rexurdimento”.
Os actos aínda continuaron na fin de semana, pois o sábado 19 puidemos asistir a unha lectura dos seus poemas por parte dos alumnos do CEIP da Serra de Outes, CEIP Emilio Navasqüés do Cruceiro de Roo e IES Francisco Añón de Outes. Ese mesmo día comunicouse o fallo do xurado do concurso de debuxo aos alumnos participantes. Estaba previsto mais non se puido levar a cabo, por mor do mal tempo, o roteiro literario “Polas terras de Añón”.
O domingo, 20 de abril, cabodano do poeta, conmemorouse cunha ofrenda floral diante do seu monumento, á que seguiu a clausura desta intensa semana cultural, cunha actuación musical a cargo do grupo folclórico do concello de Outes e coa entrega dos premios aos galardoados no certame de debuxo.
Temos intención de que estas xornadas de homenaxe ao escritor teñan continuidade de cara á efeméride do segundo centenario do seu nacemento, que terá lugar no ano 2012.