Mostrando entradas con la etiqueta Outes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Outes. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de noviembre de 2008

ÚLTIMAS NOVAS DA ASOCIACIÓN

O día 15 de novembro celebraremos o magosto, e, ao finalizar este (aproximadamente ás 19:30 horas), presentaremos o novo número da nosa revista na Casa da Cultura. Como coincide co aniversario da aparición desta publicación, ademais das intervencións de Xoán Mariño, Domingos Campos e Ramón Blanco, contaremos coa participación de Pedro García Vidal e algún outro persoeiro cultural da nosa comarca.

Así mesmo, queremos tamén animarvos a asistir á presentación do novo libro do noso socio Xoán García: "A carpintería de ribeira e os estaleiros no Concello de Outes", que vai ter lugar o venres 14 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Serra de Outes . O libro está editado por Toxosoutos.

II MUIÑADA


Coa denominación de Muiñada, a Asociación Terra de Outes iniciou o pasado ano unhas xornadas de exaltación do patrimonio cultural galego que adicou precisamente aos muíños.
Continuando con esta iniciativa, durante a segunda quincena do mes de outubro do presente ano, no marco da II Muiñada, a nosa Asociación, en colaboración co concello de Outes e a Deputación de A Coruña, instalou na Casa da Cultura da Serra unha exposición sobre o traxe tradicional galego, elaborada primorosamente pola Agrupación folclórica Ximiela, de Louro, mostra que o día 19 de outubro inaugurou o Presidente da Deputación Salvador Fernández Moreda e se puido admirar ata o día 31. O segundo acto destas xornadas foi a presentación do libro A indumentaria tradicional galega, na que interviron o investigador Clodio González, autor do mesmo e Suso Xogaina, artífice das fotografías que ilustran o mesmo. Pechan esta nova Muiñada, o día 15 de novembro, un campionato de trompo e a celebración dun magosto popular no Parque da Feira amenizado pola charanga Os Tabernícolas do Leiradal, de Muros, a cuxo remate, na Casa da Cultura, será presentado o número 4 da nosa revista, coincidindo co primeiro aniversario da súa existencia.

XORNADAS EN MEMORIA DE FRANCISCO AÑÓN

Con ocasión do 130 aniversario da morte do noso máis insigne poeta, a A.C.C. Terra de Outes organizou unha serie de actos de homenaxe que comezaron o día 14 de abril, na Casa da Cultura da Serra, coa inauguración de dúas exposicións: unha composta por unha serie de paneis nos que se recordaba a súa vida e obra, e outra de debuxos e pinturas realizados por escolares do concello participantes nun certame de ilustracións dedicadas ao poeta, convocado pola nosa asociación. Esta primeira xornada rematou cunha charla sobre “Outes na época de Añón”, que impartiu o profesor Xoán X. Mariño.
Na segunda xornada, martes, 15 de abril, disertouse sobre “O humor na poesía de Añón” e “Añón e a masonería europea”. O mércores 16 fixéronse senllas achegas aos seus escritos: “As diferentes edicións da obra de Añón” e “A poesía de Añón: estudo crítico”. “Galicia na época de Añón” e “Valor e valores de Añón e a súa obra” foron as conferencias pronunciadas na xornada do 17 de abril. Despois da presentación do nº 2 da nosa revista, así como do suplemento que inclúe dedicado a Añón, o venres 18 completouse o ciclo de ponencias coa titulada “Añón na orixe do Rexurdimento”.
Os actos aínda continuaron na fin de semana, pois o sábado 19 puidemos asistir a unha lectura dos seus poemas por parte dos alumnos do CEIP da Serra de Outes, CEIP Emilio Navasqüés do Cruceiro de Roo e IES Francisco Añón de Outes. Ese mesmo día comunicouse o fallo do xurado do concurso de debuxo aos alumnos participantes. Estaba previsto mais non se puido levar a cabo, por mor do mal tempo, o roteiro literario “Polas terras de Añón”.
O domingo, 20 de abril, cabodano do poeta, conmemorouse cunha ofrenda floral diante do seu monumento, á que seguiu a clausura desta intensa semana cultural, cunha actuación musical a cargo do grupo folclórico do concello de Outes e coa entrega dos premios aos galardoados no certame de debuxo.
Temos intención de que estas xornadas de homenaxe ao escritor teñan continuidade de cara á efeméride do segundo centenario do seu nacemento, que terá lugar no ano 2012.